Información, Orientación e Asesoramento
Máis aló da información e asesoramento prestado ás persoas usuarias do CRPL e familiares ou persoas achegadas, Andaina PSM conta con este programa, que ten como obxectivo informar á poboación sobre a importancia do coidado da saúde mental, a prevención e curso dos problemas de saúde mental e os recursos sanitarios e sociais existentes; co fin de ofrecer soporte e acompañamento ás persoas con problemas de saúde mental, as súas familias, outras profesionais e á sociedade en xeral.
Atención domiciliaria
Este programa ofrece un servizo de atención psicosocial a persoas con trastorno mental crónico ou con sospeita de problemática relacionada de saúde mental coa finalidade de mellorar a calidade de vida da persoa no seu propio entorno e actuando sobre a promoción da autonomía e a prevención da dependencia. Trabállase en educación para a saúde, incidindo nos hábitos saudables, o autocoidado e a adherencia terapéutica, e ofrécese tamén soporte emocional en situacións de crise.
Escola de familias
Programa psicoeducativo dirixido ás familias e achegadas de persoas con trastorno mental crónico co que se pretende dotar de coñecementos para unha mellor comprensión dos trastornos e de pautas de actuación e afrontamento ante determinadas situacións. Trátase de sesións psicoeducativas onde aprender a resolver conflictos, actuar ante os síntomas, promover hábitos saudables e mellorar a comunicación e a convivencia intrafamiliar. Ademais é un espazo onde se comparten experiencias e se fomenta o apoio mutuo.
Igualdade
Dende o ano 2014 Andaina PSM comprométese a incorporar a perspectiva de xénero de xeito transversal no noso ámbito de intervención e a desenvolver actuacións específicas para a promoción da igualdade de xénero. Vemos preciso, no caso das mulleres con problemas de saúde mental ofrecer servizos especializados de apoio para o fomento da súa autonomía persoal e do seu benestar dadas as barreiras existentes na sociedade para a súa integración social e laboral por causa desa dupla discriminación e á que se engade o factor de ruralidade, que dificulta o acceso das mulleres a recursos de atención a nivel sanitario, social e laboral.
Ocio e integración comunitaria
A finalidade principal deste programa é a inclusión e participación das persoas na comunidade a través de actividades lúdicas que permitan o seu goce. O ocio representa unha parte moi importante no día a día, e na vida en xeral das persoas, por iso é fundamental fomentar actividades que contribúan a que as persoas participantes poidan desfrutar de tempo de lecer, e que á súa vez favorezan a integración social. Isto supón un gran recurso á hora do mantemento da saúde física e mental e para previr posibles recaídas.
Prevención de suicidio
Este programa ten como obxectivo principal mellorar a detección e intervención en risco de suicidio en areas rurais desenvolvendo actuacións de sensibilización e información a toda a poboación e asesoramento específico en situación de risco, do mesmo xeito ofrécese formación a profesionais do eido sociosanitario.
Apoio integral
O obxectivo principal desde proxecto é contribuír ao empoderamento psicosocial das persoas con trastornos mentais graves, establecendo un sistema integral de apoio que permita o desenvolvemento en diversos ámbitos: persoal; psicolóxico; relacional e familiar; formación e emprego, e participación e integración comunitaria.Pódese considerar un proxecto pioneiro en Galicia ao facer fincapé na atención ás necesidades das persoas con trastorno mental grave para un pleno desenvolvemento e inclusión no ambiente no que residen, chegando a ofrecer apoios no contexto natural da persoa.
Sensibilización social
A saúde mental contiúa a ser unha grande descoñecida para a poboación, por iso en Andaina PSM parécenos clave achegarnos á sociedade para visibilizar a saúde mental e dar a coñecer os recursos e cuestións a ter en conta para a súa prevención, detección e manexo. Neste senso, o traballo que se leva a cabo dentro deste programa ten como finalidade a redución do estigma e descoñecemento asociado aos problemas de saúde mental concienciando de que son un asunto de todas e todos.
Voluntariado
En Andaina PSM o voluntariado é un axente activo na intervención acompañando ás persoas no seu proceso de recuperación e actuando socialmente como correa de transmisión da realidade que viven as persoas con trastorno mental, rompendo o estigma asociado a través da súa vivencia e colaboración. Existen tres liñas posibles de participación:
Apoio no desenvolvemento das actividades rehabilitadoras e de ocio.
Apoio no desenvolvemento de actividades prelaborais.
Apoio a través de acompañamentos individualizados.